RURALDiario
Jade4, xa na casa.

Nace Rural.

Desde o noso fogar, con todo por facer. Nace Rural e Jade4 é a primeira banda desta casa.

Jade4, a primeira banda de Rural. Fotografía de Sergio Albert.

No rural, o silencio está case sempre aí. O vento rómpeo, pero poucas veces molesta. Ás persoas dásenos peor pasar sen facernos notar. Aínda que hai ruídos que dá gusto escoitar.

Apetecíanos facer un deses. Así nace Rural.

Somos un selo que comeza a traballar desde unha vila galega. Queremos sacar discos e levar as nosas bandas tan lonxe como poidamos. Fainos ilusión facelo aquí, onde vivimos e onde queremos seguir.

E gustaríanos que algo desa ilusión chegase a quen tivo que marchar. Que ao escoitarnos recoñecesen un pouco a súa casa. Que lles alegrase ver o que está a pasar nela, aínda que agora a teñan lonxe.

Jade4 é a primeira banda de Rural. De Lugo a Madrid, co corazón entre o punk, o pop e o ruído. Guitarras que rabuñan e melodías ás que apetece volver. Hai algo precioso nesa maneira de facerlle sitio á tenrura cos amplis acesos.

Rural nace mirando ao futuro, e sabemos que Jade4 van darlle forma. Souberon ler o son do presente e facelo seu. Se sendo tan novos xa soan así, custa non imaxinar o que virá.

Jade4 xa teñen as chaves desta casa. Abriremos as xanelas e poñeremos as súas cancións a todo volume para que te atopen.

Queda moito por andar. Que ben atoparnos.

Acompáñasnos?

RURAL / CONTRATACIÓN

Falemos de música.

Cóntanos que estás preparando. Poñerémoste en contacto coa persoa axeitada.

Abrirase a túa aplicación de correo. A mensaxe envíala ti.